Nacín en decembro de 1960 na vila de Cangas, no barrio do Forte, algo que pode parecer trivial pero que non o é.
Aínda que nos documentos reza que me chamo Xosé Manuel González, escribo co pseudónimo de OLI.
Con 11 anos descubrín que sempre era o máis novo da clase, algo que, ás veces, é bo. Grazas aos bos profesores do Instituto de Cangas descubrín os libros.
Debo tamén agradecerlle a Don Tomás, un home de ilustre familia de mariños que abandonase temporalmente o seu acomodado barrio madrileño e caese na casa da miña avoa para poñerme nas mans, ademais un xogo de xadrez que aínda conservo, un exemplar de “De grumete a almirante” e varios das aventuras de Guillermo Brown. Tamén ao deterxente Colón que me agasallou un exemplar do “Archipiélago Gulag” de Alexander Solzhenitsyn e outro libro de Alberto Moravia do que non podo dar conta.
Naquela altura, o límite das emisións televisivas non me deixaba outra que ler todo o que atopaba por diante, xa fosen libros ou algún exemplar de La Codorniz que o meu tío abandonaba, quizais coa secreta intención de que descubrise o humor refinado.
Estudei maxisterio e coñecín mellor a literatura infantil. No ano 1992 empecei a colaborar con diversas editoriais e dirixindo coleccións de LIJ. Desde a súa fundación formo parte do proxecto editorial de Kalandraka.
Traducín autores como Maurice Sendak, Leo Lionni, André François, David McKee ou Arnold Lobel ao galego e ao castelán.
Durante máis de trinta anos fun escritor vacacional, isto é, no tempo en que as vacacións escolares me liberaban do labor como docente, directivo ou de bibliotrecario. Agora teño todo o tempo para escribir, ler, ver cine e series, e gozar dos netos.