Nacín hai uns anos, o cal me permite ter a idade que teño. Contáronme que nacín unha noite de inverno e por iso prefiro levar prendido un sorriso case permanente, o que me ocasionou algún desgusto nos anos de infancia.
Non fun un lector infantil, pero as primeiras lecturas débollas ao deterxente, pois foi en dous barrís de deterxente onde atopei os dous primeiros libros que tiven. Pasaría algún tempo ata que alguén inspirou á miña avoa o regalo doutro libro.
Despois funlle collendo gusto a iso de ler e cando naceu o meu fillo, lin todos os libros infantís que non puiden ler cando era neno. Foi por culpa dun deses libros que me convertín en escritor vacacional, periodo o das vacacións que aproveito para escribir e viaxar. Titúlase A aventura sorprendente dun homiño moi valente e escribiuno un autor chamado Hans Traxler.

Oli contando un conto.
Escribo porque me gusta inventar historias e porque me gustan as palabras, e fágoo en galego porque o lugar no que nacín se chama Galicia, e porque me apelido Barreiro, algo que soamente podo explicar en galego, e porque era o idioma que falaban meus avós, meus pais e nunca entendín por que non mo falaban a min.
Desde o ano 1990, aproximadamente, participei en proxectos editoriais, non só como autor, senón como deseñador de coleccións, editor, tradutor e animador. Podería dicirse que son un fervello e que me gusta facer moitas cousas, aínda que xa sabe que quen moito abarca, pouco apreta.