Aníbal quere encoller

Aníbal ten unha teima: quere penetrar no interior da terra para saber cómo é por dentro e descubrir todos os segredos que garda. Pero para furar na terra hai que ser pequeño coma un rato. De modo que Aníbal decide encoller o máis que poida. Deste xeito, o neno pon en práctica todo canto método se lle ocorre para conseguilo, dende introducirse dentro dunha lavadora, facerse toupa ou deixar de comer, provocando a desesperación dos seus pais e a infinita curiosidade da súa profesora, a señorita Franganillo. A delirante cadea de situacións vividas por Aníbal está contada cunha linguaxe chea de ironía e humor, un humor que acaba por converterse no auténtico protagonista deste divertido libro.

As ilustracións á tinta de Ramón Trigo trasladan o universo humorístico e inxenuo do personaxe e as situacións nas que se ve envolto.

"Coñecemos nesta obra de Oli (Xosé Manuel González, Cangas do Morrazo, 1960), ilustrada por Ramón Trigo (Vigo, 1965), a teima dun neno chamado Aníbal por encoller para furar na terra e ver qué se esconde dentro dela. Son moitos os experimentos que realiza, dende meterse na lavadora por ver se encolle ata acudir a un curandeiro, pero estas tentativas saen mal, do mesmo xeito que as que virán despois. Un dos últimos recursos que emprega é deixar de comer, pero malia sentirse mal e desesperanzado, ve como cada vez medra máis. Finalmente, cando súa nai cociña o seu prato favorito non pode deixar de comer, aínda que tampouco deixa de aproveitar calquera ocasión para introducirse en diferentes lugares ou cousas co afán de ser máis pequeno. Pasado un tempo, esta teima quedará atrás, substituída pola elaboración dun terrario no que observar qué fan animaliños como as formigas ou os vermes que viven dentro da terra, xa que nada pode facer contra o feito de medrar."
Guía de libros
GALIX

Información

Portada de "Aníbal quere encoller"

Portada de Aníbal quere encoller

Título: Aníbal quere encoller
Escritor: Oli
Ilustración: Ramón Trigo
Editora: Xerais
Ano: 2001
Idiomas nos que foi publicado: Galego